A conquista da escola de Madhubai
Hélène Cixous nace en 1937 en Orán, Alxeria, colonia francesa naqueles anos. De ascendencia hebrea por parte de nai, e sefardí por parte de pai, a súa infancia desenvólvese nun entorno de diversidade lingüística que resulta parte relevante da súa educación; ao alemán –lingua materna— e ao español -lingua familiar por parte do pai– xúntanse o francés e o árabe.
Instálase en Francia en 1955, onde realiza estudos de Filoloxía inglesa; acada o doutoramento en Letras, e en 1962 comeza unha actividade docente na Universidade de Burdeos, que proseguirá despois na Sorbona.
No ano 1968 será unha das fundadoras da Universidade Experimental de Vincennes. O seu labor intelectual conta con recoñecementos honoríficos de numerosas universidades do Reino Unido, dos Estados Unidos, de Irlanda, Canadá, etcétera.
A escrita dramática ocupa un espazo de gran relevancia no conxunto da súa impresionante obra creativa. Nesta disciplina a colaboración desde 1984 con Ariane Mnouchkine, directora do Théâtre du Soleil, impulsa unha dramatúrxia crítica, comprometida e de elevada ambición artística materializada e enriquecida coa posta en escena da maioría das súas obras como parte do repertorio do Théâtre du Soleil.
Entre os seus títulos, todos representados e/ou publicados, figuran:
La Pupille , (1971); Portrait de Dora, (1975); La Prise de l’école de Madhubaï, (1984); L’Histoire terrible mais inachevée de Norodom Sihanouk roi du Cambodge, (1985); L’Indiade, ou l’Inde de leusrs rêves, et quelques éscrits sur le théâtre, (1987); La Ville parjure ou le réveil des Erinyes, (1984); Et soudain, des nuits d’éveil, (1997); Tambours sur la digue, (1999); Rouen, la Trentième Nuit de Mai’31, (2001); Les Naufragés du fol espoir (2010).

Sakundeva, bandida, perseguida pola policía e o exercito, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada, preséntase na humilde morada de Pandala, unha sabia anciá que a criou cando era nena e que é a única persoa no mundo na que confía.
Pídelle quedar durante dous días agochada na súa casa, para poder meditar con tranquilidade que decisión tomar nunha disxuntiva transcendental que se lle presenta.
Sen tempo para que ela puidese reflexionar, aproxímase xa ao lugar un Ministro do Goberno, que fora o provocador da disxuntiva e que ven demandar unha resposta.

O “papel” do Teatro
Partimos dun texto escrito no ano 1983 que sitúa a acción nunha pequena aldea da India. A autora inspírase nuns feitos acontecidos naquel país nos anos oitenta do pasado século, nomeadamente os que fan referencia á historia de Phoolan Devi, coñecida como “a raíña dos bandidos”, quen foi unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio.
Con ese punto de partida, e facendo uso da capacidade extraordinaria que ten o teatro para servir de espello á sociedade que o contempla, pretendemos, ao tempo de traballar na procura dun discurso artístico atractivo e rigoroso, poñer en debate feitos dramáticos que marcaron a biografía da personaxe protagonista da peza que presentamos, e que están a acontecer hoxe en moitos puntos da nosa contorna: as “manadas”.
A proliferación de “manadas” nos últimos anos en numerosos puntos da xeografía española resulta insoportable: Pamplona, Lugo, Las Palmas, Alacante, Jaén, Pola de Lena, Molíns de Rei, Tarifa, Beniaján, Murcia, Gran Canaria, Girona, Cádiz, Menorca, Barcelona…..
E na medida en que son parte da realidade na que nos toca habitar, deben tamén ocupar un lugar no noso espazo de expresión: o escenario.
O teatro ten entre as súas funcións, parécenos, a de ser testemuña dos aconteceres do seu tempo, observalos e compartilos coa cidadanía da maneira

máis obxectiva posible; e, tamén, intentar reflexionar sobre o que se move na mente e no corazón dos humanos en relación con determinados comportamentos.
Coa posta en escena de “A conquista da escola de Madhubai” e coa axuda de Hélène Cixous e da inmensa beleza da súa escrita, pretendemos aproximarnos a ese exercicio, ao tempo que transitamos por outros asuntos principais, como por exemplo:
O concepto de liberdade.
O impulso de rebeldía contra o maltrato.
O dereito á educación.
A complexa dialéctica entre Lei e Xustiza.
O interese persoal e o ben público no exercicio da acción política
A vinganza: unha viaxe sen final.




2020

28/02/2020 NARÓN Pazo da Cultura
29/02/2020 NARÓN Pazo da Cultura
14/07/2020. SANTIAGO. Teatro Principal
15/07/2020. SANTIAGO. Teatro Principal
25/09/2020. CULLEREDO. Auditorio Servizos Múltiples.
02/10/2020. SANTIAGO Salón Teatro
10/10/2020. OLEIROS. Auditorio Gabriel García Márquez
23/10/2020. A CORUÑA. Teatro Rosalía Castro.
24/10/2020. A CORUÑA. Teatro Rosalía Castro.
30/10/2020. VIGO. Auditorio Municipal
31/10/2020. VIGO. Auditorio Municipal
07/11/2020. CANGAS. Auditorio Municipal
12/11/2020. MONFORTE. Auditorio Servizos Múltiples
14/11/2020. VILALBA. Auditorio Municipal Carmen Estévez
20/12/2020. OURENSE. Teatro Principal

Autora: Hélène Cixous
Tradución: Purificación Cabido
Espazo sonoro e composición musical Vadim Yukhnevich
Colaboración especial: Aleksandra Dmitrieva
Fragmento «Traslado»: Mauricio Caruso e Vadim Yukhnevich«
Guitarras e mesturas:  Mauricio Caruso
Espazo escénico: Antonio F. Simón
Vestiario: Susa Porto
Deseño de Iluminación: Xúlio Lago
Fotografía/deseño cartel/grafismo: Tino Viz/Margen
Técnicos de Escena: RTA
Axudante de Dirección: Aleixandre Lago
Guía Didáctica: Purificación Cabido
Gravación Vídeo: Pablo Rodríguez e David Miranda
Edición de Vídeo: Pablo Rodríguez

Intérpretes
MARÍA BARCALA / SHEYLA FARIÑA / CÉSAR GOLDI
Dirección
XÚLIO LAGO

Teatro do Atlántico