Seguramente sexa unha proeza que unha compañía teatral galega faga trinta anos ininterrompidos sobre os escenarios. Unha xeración enteira. Unha heroicidade, quizais, tendo en conta que ao sistema teatral galego adoitamos cualificalo como menor, non normalizado e mesmo problemático.

E aínda así, van aparecendo eses heroes capaces de soster tamaña proeza. Neste caso, é Teatro do Atlántico, unha das compañías máis estábeis e esteticamente solventes do noso panorama teatral, garantía de seriedade no traballo, porque serio, no sentido honroso e non humorístico da palabra, e o seu núcleo artístico formado polo director Xulio Lago e a actriz María Barcala.
Gustame definilos desde o ideal  do compromiso. Compromiso co traballo ben feito. Compromiso coa arte, en sentido amplo, e con ese universal diderotiano de que o traballo teatral debe agradar e conmover, pero tamen transcender o persoal para achegarse a unha recepción colectiva que diga algo sobre nós como sociedade, como persoas, como membros da polis. Compromiso cun tempo e cun espazo, na idea clásica de que o teatro xorde por e para unha cidadanía que o consome e á que ten que servir quizais politicamente, quizais socialmente, quizais filosoficamente, porque o teatro de Xulio Lago xamais renuncia a obrigarnos a pensar. Compromiso,  en fin, co teatro galego, cun ideal de construción dun teatro que fale de nos sen filtros nin débedas condescendentes, demostrando que o teatro de agora fai posíbel aquel fermoso ideal dos homes de Nós: Galicia como célula de universalidade, amosando que cando o mundo fala, tamén fala de nós, e cando nós falamos, podemos facelo alén do telón de grelos.
O repertorio destes trinta anos non fai máis ca corroborar todos eses niveis de compromiso. As pezas escollidas, todas, inciden nalgún dos devanditos aspectos, xa fose escollendo obras galegas ou obras foráneas cuxa tradución, loxicamente, sempre transcendeu a simple cuestión da lingua. Lago e Barcala trouxeron a Heiner Müller ao teatro galego cando aínda non se falaba de Heiner Müller, falaron da memoria da guerra cando daba a sensación de que o tema (tan pouco teatral) xa fora gastado ata a saciedade pola narrativa, foron  quen  de  renovar  o  atlantismo cando xa todos pensabamos que a relación Galicia-Irlanda era unha preocupación extemporánea duns cantos nostálxicos do nacionalismo dos anos trinta. Teatro do Atlantico, pinta na escena para, en fin, amosarnos que os pobos están vivos a través das olladas do seu teatro, que nos retrata no que temos de ilusorio e de insán, desde o reto provocador e non condescendente co espectador, desde unha ironía que nos obriga a mirar a realidade desde a pequenez de sabérmonos débiles. Diciámolo no noso comentario sobre esta peza que celebra os trinta anos, O principio de Arquímedes: estamos ante unha compañía que opta sempre por temas non compracentes,  críticos  e, sobre  todo, ese ton de traxedia  contida  que constitúe  en boa medida o selo de identidade de Teatro do Atlantico.
Trinta anos son moitos pero saben a pouco, e Xulio Lago e María Barcala aínda teñen moito que darlle a un teatro galego que terá algo que dicir mentres quede un só artista comprometido e un só espectador desexoso de deixarse enlear por un teatro inconformista e desexoso de saber, que quere afondar sempre máis alá da aparencia superficial das cousas.Velaí o proxecto artístico, e vital, de Teatro do Altlantico. Longa vida.

Texto de Inma López Silva para o programa da MIT Ribadavia 2015