E.R. Algún día traballaremos xuntas

Estrea: 7 Outubro 2011. Pazo da Cultura de Narón.

de Josep María Benet i Jornet

Na procura de información sobre unha personaxe que deberá interpretar e que ten que ver coa biografía de Encarna Ribera.

Na procura de información sobre unha personaxe que deberá interpretar e que ten que ver coa biografía de Encarna Ribera, grandísima actriz e profesora xa desaparecida, unha estudante de Arte Dramática visita a tres veteranas profesionais que na súa xuventude foran discípulas daquela. As veteranas actrices, tres mulleres maduras, posúen cada unha a súa verdade sobre E.R e o sucedido ao redor dela. E complementando esas súas tres verdades, a envexa e o rancor transitan xuntamente coa tenrura e o afecto tinxindo de matices unha paleta emocional complexa e conmovedora. O medo ao paso do tempo, o medo ao fracaso, á soidade, ou á morte, son, definitivamente, asuntos que pouco a pouco van invadindo unha historia que comeza nun espazo de ficción, o escenario dun teatro, pero que rapidamente se traslada ao ámbito doutra realidade: a que foi conformando a biografía intima de cada unha. A aspirante a actriz remata nun labirinto, ao ser receptora dunha mesma historia emitida con diferentes ópticas entre risas e bágoas por tres mulleres que con un mesmo punto de partida tomaron camiños diferentes en función da súa diferente maneira de entender a vida e a arte. Ás veces lonxe de atopar o que andabamos a procurar, no camiño asoman sorpresas inesperadas que esixen de nós un cambio de rumbo. Algo así lle acontece á moza aspirante a actriz de esta historia.

 Nota do autor
¿Qué é E.R.? Un pequeno acto de amor, un berro de medo ou, simplemente, unha historia sinxela mais con algunhas sorpresas que deberían atrapalos a vostedes, a medida que avanza a acción e os acontecementos se complican, sen deixarlles posibilidade de fuxir. Eu amo o teatro. Inexplicablemente. Vostedes tamén, sospeito. Pois ben: imos deixar soltas a catro mulleres, actrices de profesión; imos procurar que, polo medio delas, das súas grandezas e das súas miserias, algo que vai más alá do teatro lles afecte a vostedes, póñaos, quizais, melancólicos –mais con algunha que outra gargallada polo medio–, e que finalmente poidan sentirse consolados, ¿por qué non? . ¿Consolados de qué? ¿E iso que máis ten? Iso é “E.R.” No fondo pretende dar, primeiro ao autor, e despois, aínda que de maneira principal, a todos vostedes, un pouco consolo diante do terror do paso do tempo, diante da corrupción das nosas ilusións…. E facelo a través dunha visión apaixonada, pero desencantada, da arte do Teatro.

Josep M. Benet i Jornet

Ficha Técnica

  • Autor: Josep M.Benet i Jornet
  • Tradución: Xosé Manuel Pazos Varela
  • Espazo escénico: Rodrigo Roel
  • Vestiario: Susa Porto
  • Deseño de Iluminación: Xúlio Lago/Antón Arias
  • Fotografía/deseño cartel/grafismo: Tino Viz/Margen
  • Meritorio de Dirección: Diego Rey
  • Axudante de Dirección: María Pilar Martinez («Pilocha»)
  • Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
  • Intérpretes por orde de aparición:
    Moza………………………………Manuela Varela
    Gloria……………………………María Barcala
    Assumpta………………………Luísa Merelas
    María……………………………Susana Dans
  • Técnicos de Escena:
    Antón Arias
    Marcos Vieitez

Luisa Merelas
Actriz con intensísima traxectoria profesional ao longo dos últimos trinta anos, nos que leva traballado en espectáculos de diversas compañías, como Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Uvega Teatro, Compañía Luís Seoane, Teatro do Atlántico, Espello Cóncavo, Librescena, Compañía de Teatro de Braga, Áncora Produccións, Teatro do Mórcego, Ónfalo Teatro, Teatro da Salamántiga ou Centro Dramático Galego.

María BarcalaNa súa intensa e ininterrompida actividade profesional, iniciada con «Teatro da Mari-Gaila» (Compostela, 1979), leva incorporado a moitos dos grandes personaxes femininos na historia do teatro moderno, como a Nora de «Casa de bonecas«, de Ibsen, a Marteuil de «Quartett«, de Heiner Müller, a marabillosa Natalia de «O cerco de Leningrado«, de Sanchis Sinisterra, a inmensa Clitemnestra de «Clitemnestra ou o crime«, de Marguerite Yourcenar, a Dona Inés de «A noite vai coma un río«, de Cunqueiro ou a Rosalía de Castro, de «Rosalía«, de Otero Pedrayo.

Manuela VarelaActriz que traballa como profesional dende 1997. Formada en diversas disciplinas de interpretación entre as que destaca: cabaret, construcción de bufóns , comedia da arte, método de Stanivslaski, teatro clásico, teatro contemporáneo, interpretación ante a cámara, monicreques e canto.

Susana DansCatro premios María Casares (dous en papel protagonista e dous en papel secundario) nos anos 2000, 2002, 2005 e 2008, aos que habería que sumar o Premio Maruxa Villanueva no ano 2002, avalan con rotundidade unha traxectoria profesional de longo recorrido, que inclúe ao redor de 35 espectáculos teatrais de compañías entre as que figuran a Compañía Luís Seoane, Teatro da Lúa, Teatro do Atlántico, Centro Dramático Galego, Uvega Teatro, Teatro do Aquí, Teatro do Morcego, Abrapalabra produccións, Escola Dramática Galega, Pífano Teatro ou Kukas Produccións Artísticas.

O Autor

Josep María Benet i Jornet (Barcelona, 1940)
Premio Max de Honor 2010 e Premio Nacional de Literatura Dramática 1994 por «E.R», entre outros moitos galardóns, é un dos dramaturgos de referencia do teatro catalán contemporáneo.

Aínda mantendo unha importante actividade como guionista para cine e televisión, afirma que o teatro é o lugar no que mellor se atopa nesta vida.»O amor ao teatro foi e segue a ser unha obsesión que condiciona por completo a miña vida«.

Unha extensa obra

Deuse a coñecer con Una vella, coneguda olor, obra que recibe o premio Josep M. de Segarra en 1963, e no 1970 publica conxuntamente Fantasia per a un auxiliar administratiu e Cançons perdudes. A súa liña realista segue con Berenàveu a les fosques (1972) e Quan la ràdio parlava de Franco (1979), e con Revolta de bruixes (1977) adquire un tono simbólico. O mundo da infancia e o da postguerra toman unha dimensión mítica nunha nova peza: La desaparició de Wendy. Cultiva tamén o teatro infantil: Supertot (1975), Helena a l’illa del baró Zodíac (1975) ou El somni de Bagdad (1977), entre outras. En 1989 estrea Ai, carai! no Teatre Lliure, e Desig, en 1991, no Centre Dramàtic de la Generalitat.

As súas últimas pezas estreadas foron Olors, dirixida per Mario Gas (TNC, 2000), Això, a un fill, no se li fa (Teatreneu, 2002), L’habitació del nen (Teatre Lliure, 2003) e Salamandra (TNC, 2005).

No 2011, o Centro Dramático da Generalitat catalana ven de repoñer a súa primeira peza: Una vella, coneguda olor, escrita en 1962, e o Teatro Lliure estreou a súa última peza: «Dues dones que ballen».

Benet e Jornet, guionista das primeiras telenovelas producidas por Televisió de Catalunya é tamén, na actualidade, un dos guionistas principais da celebrada serie «Amar en tiempos revueltos«

Premios e nominacións

TEXTO:
Premio Nacional de Literatura Dramática 1994 a J.Mª Benet i Jornet por «E.R.»

ESPECTÁCULO:
«E.R.» recibíu catro nominacións nos Premios María Casares 2012

  • Mellor Adaptación/Traducción: Xosé Manuel Pazos
  • Mellor Actriz en Papel Protagonista: Luisa Merelas e Susana Dans
  • Mellor Dirección: Xúlio Lago

Galería

Teatro do Atlántico