A Bombilla Máxica
Estrea: 12 de Outubro de 2007. Auditorio Municipal. Narón
de Woody Allen
A vida da familia Pollack, pai, nai e dous fillos adolescentes, atópase nunha etapa difícil, de absoluta infelicidade sentimental e nunha complicada situación de precariedade laboral.
O marido, MAX Pollack, con cincuenta anos, xogador compulsivo, está en plena «crise dos corenta» e non da saído dela; aterrorizado pola inevitable perda de xuventude, aférrase desesperadamente á relación con unha amante nova, que o fai sentirse aínda atractivo e desexable e coa que fabula ao redor de utópicos proxectos de futuro. Pero na realidade, o seu proxecto máis plausible está sempre asentado na vana esperanza de gañar nas apostas ou no xogo.
A esposa, ENID Pollack, sabedora dos devaneos do marido, aguanta o «tirón» na esperanza de que o vento mude, ao tempo que afronta como pode a complicada relación cos seus adolescentes fillos, de catorce e dezasete anos: STEVE, o menor, unha firme promesa de delincuente profesional, farto xa das obrigas escolares, sente unha forte atracción polas armas, por roubar, provocar incendios, aprender trampas para futuras partidas de cartas……. PAUL, o fillo maior, tatexo, «148 de coeficiente intelectual», vítima dunha insuperable fobia social, intenta fuxir do seu terror refuxiándose no mundo da maxia, practicando obsesivamente un número tras outro e creando unha realidade paralela que lle faga soportable a existencia.
Completando o cadro, dúas personaxes nos extremos: JERRY, home maduro, representante de «grandes » figuras do espectáculo, unha vida agardando descubrir unha «estrela» que nunca deu chegado. As máscara da alegría e do humor e o disfrace dunha roupa pretendidamente elegante agochan o fracaso que non se quere ver.
E finalmente, BETTY, nova, fermosa, desexable, fráxil e inxenua, necesita desesperadamente fuxir do entorno sen horizonte no que vive e foi poñer os seus ollos, o seu corazón e as súas esperanzas en Max Pollack. ¡Pobre!.
Esta «romántica» paisaxe aparécenos enmarcada polo mundo da mafia, ameazador e implacable, e o peculiar humor de Woody Allen, inevitablemente amargo, mesmo negro nesta ocasión.
Ficha Técnica
- Autor: Woody Allen
- Traducción: Avelino González e Olga F.Nogueira
- Espacio escénico e Vestiario: Antonio Francisco Simón
- Deseño de Iluminación: Xúlio Lago
- Asesores de maxia: Mago Antón/Mago Quico
- Fotografía/deseño cartel/grafismo: Tino Viz/Margen
- Auxiliar de Dirección e Asesoría musical: Pilocha
- Axudante de Dirección: Artur Trillo
- Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
- Intérpretes:
Paul Pollack…………………….Manu Fernández
Steve Pollack…………………..Daniel Lago
Helen Pollack……………………María Barcala
Max Pollack……………………..Dami Contreras
Betty…………………………………..Lucía Regueiro
Jerry…………………………………….Gonzalo Martín Uriarte
Técnicos de Escena………………Antón Arias /Angel Rico
O Autor
Woody Allen
A figura deste extraordinario e popular personaxe é mundialmente coñecida e admirada; entre as súas múltiples facetas creativas destaca a notable dimensión alcanzada no seu dilatado traballo como cineasta (guionista, actor, director, produtor); guionista tamén con incidencia no medio radiofónico e televisivo, autor dunha non desprezable obra narrativa, apaixonado clarinetista, coa súa propia banda de Jazz desde a que periodicamente da renda solta á súa faceta como músico, disciplina que domina e que lle permite ocuparse tamén da banda sonora en moitos dos seus filmes. A todo iso hai que sumar a súa actividade como dramaturgo, con un moi interesante abano de obras entre as que poderiamos destacar «Soños dun sedutor», «Non bebas a auga» e, por suposto, «A bombilla máxica».
Woody Allen ven dunha familia xudía á que el mesmo definiu como «burguesa, ben alimentada, ben vestida, e instalada nunha cómoda casa», aínda que é unha imaxe que el contrasta coa lembranza dunha nenez con precariedade, permanentes mudanzas de casa e habitacións constantemente ocupadas por familiares en dificultades a quen os seus pais acollían transitoriamente.
A súa filmografía, iniciada no ano 1968 coa rodaxe de Take the Money and Run, conta xa con máis de 45 películas, entre as que poderiamos citar Match Point, Celebrity, Balas sobre Broadway, Manhattan Murder Mystery, Husbands and Wives, Shadows and Fog, Crimes and Misdemeanors, Hannah and Her Sisters, The Purple Rose of Cairo, Manhattan , Interiors, Annie Hall, etcétera, etcétera.
O seu nome figura inevitablemente en case todas as edicións dos Oscar, con cerca de trinta candidaturas nos últimos vinte anos, tendo acadado o galardón ao mellor guión orixinal por Hannah e as súas irmás, en 1986, e, en 1977, Annie Hall, oscar ao mellor guión e oscar á mellor dirección. O seu nome figura reiteradamente no palmarés doutros moitos certames e festivais, como os «Globos de Oro», o Festival de San Sebastián, a Academia de filmes de Fantasía e Ciencia Ficción dos Estados Unidos, etcétera.
«The Floating Light Bulb», («A bombilla máxica», na versión galega), estreada en Broadway na temporada 1981/1982, é a terceira das catro pezas que integran a súa obra teatral, entre as que figuran Dont Drink the Water (Non bebas a auga) e Play It Again, Sam (traducida en España como «Sueños dun seductor»).
No ano 2002 recibe o Premio Príncipe de Asturias das Artes
Escolma de críticas
«Dúo do talentos»
En A bombilla máxica hai un mozo que quere ser mago e un neno que quere ser mozo, unha nai a piques de caer no pozo da soidade, e un pai coa síndrome de Peter Pan. E arredor diso, un mundo de fracasados que se aferran aos soños. Soñar con acadaro éxito, con facerse ricos, con marchar lonxe, con namorarse e, sobre todo, son ser felices. Mais a felicidade,dalgunha maneira, esquívaos a todos. E todo iso, coas finas doses de ironía e sarcasmo, con ese sentido do humor tan persoal de Woody Allen.
«A bombilla máxica» é teatro de actores, teatro de palabras e palabras que esixen un traballo fondo. Unha vez máis, María Barcala sostén un papel que, como aquela «Raíña da beleza de Leenane» do ano pasado, volve darlle un peso insubstituíbel no escenario, sen sobreactuacións, cunha evolución interna e unhas transformacións que, visíbeis para o espectador, non son unha demostración gratuíta da versatilidade da actriz, senón que se poñen ao servicio absoluto do conxunto da obra. Dami Contreras, o home que quere ser novo e xa non é, que ama sen saber moi ben como e que non asume o papel de pai, é un críbel Max Pollack que axuda nas breves aparicións á amante Betty, Lucía Regueiro. Excelente, coma sempre, está un Gonzalo Uriarte que tamén pasa da sobreactuación ao realismo á medida que o seu personaxe llo esixe. Paul Pollack, o protagonista, ese rapaz tímido que quere ser mago e que é a esperanza que pode salvar do desastre á familia, é o elemento que Xúlio Lago utiliza para dotar de ritmo á obra, a través de números de maxia que, se ben están esixidos polo texto, configuran un experimento interesante para dar axilidade ao espectáculo.Manu Fernández desenvolve con soltura de actor prometedor o papel no que, evidentemente se valorou a súa capacidade para facer maxia. Finalmente non quero esquecer a gran descuberta da obra, Daniel Lago, un bo actor que é só un neno e que ofrece algún dos mellores momentos.
«A bombilla máxica» é unha boa opción para perseguir polas vilas galegas durante o Nadal. Probablemente, do mellor deste ano na nosa carteleira teatral.
(Inma López Silva. Revista «Tempos Novos» núm..127)
«La actriz mágica»
En el Rosalía, ciclo Caixanova, repique alborozado de aplausos; Teatro do Atlántico estrenó «A bombilla máxica», de Woody Allen (…). Una pieza dramática inscrita en el Brooklyn genèrico del genio mil veces galardonado y Premio Príncipe de Asturias de las Artes. Trozo de vida domèstica con alcance universal: familia en crisis: deteriorada relación de pareja al rebasar la cincuentena; marido que busca otro horizonte femenino; humillada esposa que vislumbra luz en el manager que acude a su casa para comprobar las aptitudes del hijo mayor en el mundo del espectáculo. También crisis en el hijo pequeño y sus frustraciones….. Un humor antagónico que deviene en fracaso.. Creativo y fabulador Xúlio Lago como director, apoyado de luz y jazz que suena insistente y corporeiza los personajes. Encomiables trucos de prestidigitación de los magos que encienden esa bombilla de efímera felicidad, mago encarnado por el ilusionista timido y perdedor Manu Fernández….Estupendo, convincente Gonzalo Martin Uriarte. Maravillosa, equilibrada, femenina –cumpliendo variados registros anímicos de madre atormentada por la humillación, desplantes de hijos, trabajos ímprobos y carencias de dinero–, María Barcala, actriz mágica que llena la escena y expande luz de maestría teatral al auditorio.
(J.Martínez Sevilla. «El Ideal Gallego», 4-12-2007)
«¿Hai unha vida mellor?»
«Cunha amargura á que non nos ten habituados, Woody Allen preséntanos a familia Pollack, catro seres atrapados na súa propia historia, cheos de ganas de fuxir cara un futuro mellor, pero que non conseguen despegarse da súa cotidianeidade. Un retrato en profundidade que Xúlio Lago debuxa con man experta gracias a uns actores que saben encher de vida un texto agudo e intenso, doce e ateigado de dor, tristeiro pero salpicado de sorrisos.
Con María Barcala á cabeza dun reparto sorprendentemente novo, «A bombilla máxica» fálanos de amor e de maxia, do pulo que atopamos nas novas ilusións, da dose de paixón que todos necesitamos nas nosas vidas para superarnos a nós mesmos.
(Beatriz Bravo. Culturagalega.org.30/10-2007)
«O zoo de Woody Allen»
…..cada personaxe ten o peso que require en cada escena e os ritmos e as réplicas están ponderados na súa xusta medida. María Barcala no papel da nai, continúa amosándose moi a gusto no terro da interpretación naturalista. Manu Fernández constrúe un Paul de gran convicción, sen tirar do manido recurso de crear un personaxe «alleniano», risco que se corre cada vez que se representa unha obra do gran Woody. Martín Uriarte, como queda dito, resulta do mellor da función. Como curiosidade hai que citar o gran traballo do Mago Antón e do Mago Quico no asesoramento para efectuar os trucos de maxia. O público apláudeos e goza con eles e iso contribúe a transformar esta obra nun espectáculo ameno e entretido. Unha boa peza de artesanía teatral.
(Manuel Xestoso. «A nosa Terra». 20/12/2007)
«Nos dominios da máxia e da realidade»
….un realismo na posta en escena que, malia os referentes textuais concretos, expresan o universal das grandes pezas, esas que erguen as súas historias sobre a profundidade psicolóxica de personaxes imperecedoiras. E iso é o que temos en «A bombilla máxica», un retrato penetrante dunha familia (norteamericana) (con)sumida na infelicidade.
Esa subtileza dos caracteres que malia próximo ao real conteñen unha serie de cordas que cómpre afinar (pois máis ca da reproducción o teatro é a arte da representación), neste espectáculo son impecablemente harmoniosas e xenerosas na súa vibración. Un elenco compacto, un traballo sólido de interpretación e unha boa dirección de actores son aquí, hoxe e sempre a (mellor) cualidade que defende unha proposta escénica, nada máis (nin nada menos). Estamos, pois, diante dun dos mellores (outravolta) traballos da carteleira teatral galega.
(Roberto Pascual. Revista Galega de Teatro)