A raíña da beleza de Leenane
Estrea: 17 Febreiro de 2006. Auditorio Municipal. Narón
O inferno na casa
Nai e filla, dúas enerxías antagónicas, dous proxectos de vida incompatíbeis.
A estructura familiar, cunhas leis non escritas, planea por riba de todo o espectáculo, ao tempo que o destino de todas as personaxes que conforman o drama chega ata nós marcado pola emigración, o desexo, o implacable paso do tempo, a soidade, a loucura….. Aínda que, iso si, transitado todo con moito humor.
Unha historia «irlandesa», seica. Un espectáculo con grandísima capacidade de comunicación cos públicos.
En Leenane, no rural do oeste de Irlanda, nunha humilde casa illada, habita Maureen Folan, solteira, algo máis de corenta anos, delgada, normal e corrente no seu aspecto físico. Vive coa súa nai, Mag, de case setenta anos, grosa e fráxil; Maureen é a única filla que queda solteira e tócalle coidar da nai. Máis non a quere. A súa vida é un inferno.
A chegada de Pato Dooley a Leenane, para unhas breves vacacións do seu duro traballo de emigrante en Inglaterra, introduce na vida de Maureen un verme do que xa non poderá fuxir.
Pato foi un antigo soño de amor nos tempos da mocidade, e viceversa, cando Maureen era «a raíña da beleza». O reencontro provoca un cataclismo emocional na dinámica daquela casa-inferno, e nos seres que a habitan; con enerxías e desexos encontrados, turran cada un deles cara distintos horizontes. Algo rompe.
O «suspense» vai alimentando unha escena detrás doutra. Ata o final.
«A raíña da beleza de Leenane», é unha pequena obra mestra. Tenra, humana, patética, satírica, sórdida.
Ficha Técnica
- Autor Martín McDonagh
- Traducción
Avelino González
Olga F. Nogueira - Espazo escénico e Vestiario Antonio Francisco Simón
- Realización escenográfía Rodrigo Roel
- Música orixinal
Xosé Lis de Cea
Anxo Pintos - Deseño de Iluminación Xúlio Lago
- Fotografía/deseño cartel/grafismo Alex Piñeiro
- Dramaturxia e Dirección Xúlio Lago
- Intérpretes
Mauren Folan…………………María Barcala
Mag Folan……………………..Teresa Horro
Pato Dooley…………………..Marcos Vieitez
Ray Dooley…………………..Rubén Ríos - Técnicos de Escena:
Antón Arias
Xabier/RT
O Autor
MARTIN McDONAGH (Camberwell, Londres,1970)
Martín McDonagh é unha marabilla do teatro contemporáneo; alguén o definiu como «a estrela» que marca o camiño do teatro europeo actual, desde que en 1996 se da a coñecer precisamente con «The Beauty Queen of Leenane». Considérase que McDonagh é unha nova voz e tamén unha nova calidade no drama irlandés suxeríndose que está a facer por aquela dramaturxia o que Pogues fixo pola música irlandesa tradicional nos anos 80. Aos dezaseis anos rebelouse contra o sistema educativo e abandonou a escola, dedicándose durante cinco anos a escribir obras de teatro radiofónico que foron sucesivamente rexeitadas, ata que por fin unha emisora de Australia aceptou un dos seus traballos.
Con vinteseis anos escribe a súa primeira peza teatral, «A raíña da beleza de Leenane», en oito intensos días do ano 1996. Consegue estreala en Londres no ano seguinte e en poucos meses, catro teatros londinenses teñen obras súas na carteleira. As estreas sucédense desde entón sen interrupción en toda Europa e hoxe Martín McDonagh, receptor dos máis importantes premios desde que en 1997 recibira o «George Devine», conta co recoñecemento do público e da crítica . É un autor de referencia na escena internacional
Tamén como os grandes dramaturgos irlandeses, os seus mundos dramáticos ou mesmo tráxicos están permanentemente transitados por grandes trazos de comedia negra.
Crítica
«Unha vez máis, achámonos perante o teatro de actor que domina Xulio Lago coma director, un teatro no que a interpretación vai moito máis alá da palabra e no que o xesto e a interacción de actores que case nunca se tocan será fundamental para entender o crecemento do conflicto. Esa corrección na dirección de actores que caracteriza a Xulio Lago é perceptíbel nas interpretacións sempre medidas, que non renxen, que interactúan ben unhas coas outras e que remiten a tipos sen caer en tópicos. María Barcala semella sentirse cada vez máis cómoda en interpretacións que ollan a cotidianeidade e ao realismo natural, unha forma de actuar que xa é propia de Marcos Viéitez. Os personaxes de Teresa Horro e Rubén Riós (a nai e o mozo), claros contrapuntos psicolóxicos dos anteriores, están levados desde un punto de vista algo máis esaxerado, máis teatral, se quere, unha opción que insiste esteticamente na súa función argumental coma personaxes que sempre son motor de acontecementos.
Unha vez máis, Teatro do Atlántico ofrece teatro de calidade, nunha liña estética interesante, e con historias intensas sobre outros e sobre nós que, en definitiva, son as que xustifican a viaxe ao teatro e o mergullamento nas propostas sempre acertadas de Xulio Lago.»
(Inma López Silva. Revista «Tempos Novos» núm..109)