O encoro
Estrea: 1 de Outubro de 2004. Teatro Rosalía Castro. A Coruña
Ás veces, baixo as augas dun encoro permanecen vestixios que de falar informarían de múltiples historias insólitas, sorprendentes, quizais conmovedoras ou se cadra tamén terroríficas.
No lugar no que se desenvolve esta historia foi construído un encoro nos anos sesenta do pasado século. E os seus habitantes pareceran contaxiados da obrigada quietude das augas do encoro, encorados tamén eles, os seus recordos e as súas vivencias.
Mais as comportas ábrense paseniñamente e van chegando ata nós os mundos agachados baixo as augas dese encoro imaxinario no que cada unha das personaxes mantiñan asolagados soños, fracasos, dramas…..
As fadas mestúranse coas aparicións, a certeza da morte coas mil incertezas da vida, as lendas coa realidade, o coñecido co descoñecido, o acá co máis alá…..
Imos rir cos personaxes deste «encoro». E chorar tamén. Seguro.
Compartimos con eles a fraxilidade da condición humana.
E, desde distintas perspectivas, outras moitas cousas.
Son irlandeses e teñen moito que ver con nós, os galegos.
Recoñecémonos neles.
Nunha pequena taberna do rural no norte de Irlanda reúnense uns poucos veciños, amigos e habituais do lugar:
- Brendan, o dono da taberna.
- Jack, mecánico de tractores con escasos clientes.
- Jim, axudante de Jack no pouco traballo que aquel ten, e de toda persoa que teña algunha pequena chapuza que encargarlle.
Agardan a chegada de Finbar, antigo veciño, agora empresario hostaleiro na cidade. Vai chegar acompañando a unha forasteira, a quen ven de arrendar unha súa casa no lugar.
Os homes da taberna, solteiros, e de seu pouco «atildados», puxeron hoxe un algo de atención no seu vestir, aínda que pode que non atinaran demasiado.
Finbar, pola contra, habitualmente «impecable» chega hoxe traxeado coma sempre pero un pouco «desarreglado» pola viaxe, coa garabata no peto e quizais os zapatos algo enlamados.
A muller, docente universitaria na cidade, ten un aspecto externo absolutamente discreto na súas vestimentas. Non está nin «arreglada» nin «desarreglada».
Os homes, pouco afeitos a presenzas femininas no lugar, tratan de ser amables, e mesmo de causar boa impresión na muller.
Ou, se cadra, de impresionala.
Non hai moito de qué falarlle, así que van botando man de historias sobre o lugar, que lles contaron a eles, unhas; outras das que eles foron protagonistas na nenez ou na xuventude.
As lendas de fadas e as noticias de mortos que visitan aos vivos non impresionan absolutamente a aquela forasteira, «urbanita», universitaria, muller…….
Ela ten tamén algo potente, profundo, impresionante, que contar. E que non ten que ver con ningún pasado, senón que se corresponde con este seu presente.
A súa historia abre as portas a que outras, íntimas e profundas agachadas ata agora,saian á luz e sexan tamén compartidas.Xa nada ha ser igual desde hoxe para as personaxes. E se cadra para os espectadores
Ficha Técnica
- Autor: Conor McPherson
- Traducción: Beatriz Iglesias
- Fotografía, deseño cartel: Alex Piñeiro
- Música orixinal: Rodrigo Romaní
- Espacio escénico e vestiario: Antonio Francisco Simón
- Realización escenográfica: Rodrigo Roel
- Deseño de Iluminación: Xúlio Lago
- Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
- Intérpretes:
JACK……………………….Gonzalo M. Uriarte
BRENDAN………………….Toño Casais
JIM………………………….Artur Trillo
FINBAR…………………….Antonio Fco. Simón
VALERIE…………………..María Barcala - Técnicos de Escena:
Antón Arias
Marcos Vieitez
O Autor
Conor McPherson, autor e director de teatro, guionista e director de cine nace en Dublín no ano 1971.
McPherson é un dos mais importantes autores e directores teatrais de Irlanda, país que conta neste momento cunha numerosa e notable pléiade de autores dramáticos que foron configurando un moi brillante panorama para a escena irlandesa nas últimas décadas.
Como autor gañou o «Evening Standard Most Promising Playwright Award» e o «Olivier Award» por The Weir (O encoro), a cal foi representada en Broadway no 1998.
É co-fundador da «Fly by Night Theatre Company», e ten escrito, entre outras pezas:
- «The Good Thief», gañadora do Stewart Parker Award
- «The Lime Tree Bower», gañadora do Thames TV Award e mais o Guiness/National Theatre Ingenuity Award, representada no off-Broadway
- «Port Authority» ou «Dublin Carol» son obras que se atopan nestes momentos nos escenarios de Londres e Nova Iorque.
En 1996 foi escritor residente no Bush Theatre de Londres. É tamén director de cine («Saltwater», «The Actors» e «Beckett´s Endgame») e guionista de cine ( «I Went Down» (1997); «Saltwater «(2000)
McPherson é un dramaturgo mergullado nunha intensa e rica linguaxe literaria escrutando dramas humanos, conflictos sociais ou ficcións arraigadas nas tradicións literarias irlandesas expresadas por el desde unha moderna estructura dramática de sinxela aparencia.
É un importante referente da mellor dramatúrxia europea do século XXI
Escolma de críticas
A escolla dun texto irlandés de Conor McPherson é sen dúbida unha boa idea para celebrar os vinte anos dunha Compañía que, a miúdo con fortuna, tamén escribiu a historia do teatro profesional en Galicia.
Se algo debería ser destacado en O encoro é o valor dos silencios coma elemento teatralmente significativo. Coma na vida mesma. O encoro crea un conflicto dramático perfectamente definido no que os personaxes agochan lembranzas, e medos e ilusións, mesmo misterios que van sendo exteriorizados grazas a un ambiente creado sobre o escenario, a costa dunha escenografía que retrata á perfección un bar, coas súas luces e as súas sombras, co ar acolledor só a medias, cos toques de alcohol.
Conor McPherson escribiu, sen lugar a dúbidas, un bo texto dramático, pero Xulio Lago amosou unha boa dirección de actores, na que consegue que algúns deles nos sorprendan con papeis inimaxinados, «desencasillados»: Artur Trillo coma unha sorte de parvo solteirón de inocencia inquietante, Gonzalo Uriarte nun tráxico mecánico ao que só lle quedan as noites do pub, Toño Casais de perfecto barman, María Barcala focaliza a escena no momento de relatar a súa propia historia de aparecidos, quizais a máis tráxica, a máis dramática de todas elas, Antonio Simón centrando a historia…… Todo na interpretación dos personaxes neste espectáculo semella medido. Xulio Lago acertou cunha obra que conxuga todo o que podemos aprender de fóra, con todo o que podemos aportar de nós mesmos a través dunha montaxe interesante e seria»
(Inma López Silva. Revista Galega de Teatro)
Partindo dunha escenografía notable de Antonio Simón, Xúlio Lago ofrece unha posta en escena en clave realista na que os elementos de significación están moi ben ensamblados: a iluminación, vestiario, movemento escénico, a música….. Todo iso permite reflectir o acontecer cotiá na taberna: os personaxes, as súas relacións, as súas teimas e historias, as súas complicidades os seus rancores e disputas, os seus longos silencios, as miradas…. Destaca o traballo interpretativo de todo o elenco, sobrio, contido e moi pautado, pero sobre todo o que realizan Artur Trillo e Antonio Simón.
O encoro é un deses espectáculos que reclama unha programación permanente nos teatros de Galicia, o que serviria para que moitas persoas que se manteñen afastadas das salas de teatro puidesen congraciarse con unha arte igualmente milenaria, e sentir o seu engado a través desas historias que falan de nós, que reflicten todo canto de insólito, anodino, conmovedor ou sorprendente pode haber nas nosas vidas. A crise non está no teatro senón na sociedade. Fagan por miralo, paga a pena.
Manuel F.Vieites. Faro de Vigo
«Actuaba o Teatro do Atlántico, dirixido por Xulio Lago, e a obra, escrita polo irlandés Connor McPherson chamábase O encoro. Todo transcorre durante dúas horas nun pub dunha antiga aldea irlandesa, xa desnaturizada trala construcción nos anos sesenta dun salto, pero na que aínda persisten, case sen vontade nin conciencia, moitos vestixios da vella comunidade rural.Aquel pequeno mundo de madeira rodeado de vento está habitado por cinco personaxes que bromean, disputan e contan cousas, amigablemente arroupados, para escándalo da sana patulea que nos invade, polo alcol e o tabaco, eses dous vellos compañeiros da xente e da palabra. Non hai grandes conflictos, nin golpes de efecto, nin suspense, nin intriga. Só cinco actores de primeira fila (María Barcala, Gonzalo Uriarte, Antonio Simón, Artur Trillo e Toño Casais) interactuando chejovianamente coa linguaxe e coa mirada, co xesto e co sobreentendido, coa densa trama do vivir compartido. Eu non sei explicar en que consiste o milagre desta representación teatral nin que é exactamente o que me falou tan fondo. Pero sei que o que vin alí non o vira nunca en ningures, nin sequera no cine. E que era certo».
Damián Villalaín. «A nosa Terra»