Vanzetti

Estrea: 19 de Decembro de 2002. Auditorio Torrente Ballester. Ferrol

de Luis Araújo

De certo que é algo lamentable poder afirmar que «Vanzetti» é un texto oportuno, adecuado para este momento; un espectáculo necesario.

Afirmámolo.

E lamentámolo.

«Vanzetti» é un texto escrito no ano 1993 polo dramaturgo Luís Araújo, convertendo en materia dramática, as cartas enviadas por Bartolomeo Vanzetti aos seus familiares en Italia, primeiro desde diversas cidades dos Estados Unidos, país ó que emigrou cando tiña 20 anos, e máis tarde desde o cárcere, entre 1920 e 1927, ano este último no que morre executado na «silla eléctrica».

Vanzetti foi protagonista, xunto ó seu amigo e compatriota Nicola Sacco, dunha tráxica historia que provocou a mobilización de centos de milleiros de persoas en Europa e América naqueles convulsos anos vinte do século pasado, tristemente tan parellos en demasiadas cousas ó noso presente.

Partindo da proposta textual do dramaturgo pretendemos construír un espectáculo que nos permita reflexionar xunto cos espectadores sobre algúns dos moitos e graves conflitos que están a sacudir á sociedade contemporánea, nestes inicios do século XXI tan marcados polas desigualdades sociais, a inmigración, a corrupción política, a xenofobia, ou o racismo. Un texto que arranca de feitos reais acontecidos hai oitenta anos e que emerxen agora erixidos en espello do presente e en provocador de interrogantes dirixidos ós homes e mulleres que habitamos aquí e agora, nunhas estruturas económicas, sociais e políticas moi propicias para que se poidan reproducir aqueles crimes «legais», as  explotacións de persoas ou outras graves agresións descritas na peza de Araújo e que foran exercidas naqueles anos desde institucións do estado e desde os mais poderosos sectores do empresariado, coa banca e as industrias do aceiro en primeiro lugar.

Énchenos de impotencia e amargura a vixencia dos conflitos e dos temas que emerxen do texto. A pena de morte, por exemplo.

Ficha Técnica

  • Autor:  Luís Araújo
  • Traducción:  Xosé Manuel Pazos Varela
  • Espazo escénico: Marcelino de Santiago «Kukas»
  • Música: Rodrigo Romaní
  • Vestiario: Susa Porto
  • Deseño e realización mobiliario e «atrezzo»: Kukas
  • Deseño de Iluminación:  Xúlio Lago
  • Fotografía: Tino Viz
  • Axudantes de Dirección: María Barcala / Gloria Rico
  • Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
  • Intérpretes:
    Vanzetti ………………………….. Jouse García
    Luigina …………………………….Manuela Varela
    Pai e Xuíz …………………………Gonzalo M. Uriarte
  • Técnicos de Escena:
    Antón Arias
    Marcos Vieitez

O Autor

Luís Araújo. (Madrid 1956)é actor, autor de teatro, traductor, director de escena e guionista de televisión, entre outras actividades. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Artes pola Universidade de Montreal , destacou como profesor de Escritura Teatral no Centro Nacional de Nuevas Tendencias Escénicas e na Escuela de Letras de Madrid. Foi tamén profesor de Traducción Teatral no Centro Europeo de Traducción Literaria (Bruxelas), profesor de Interpretación no Instituto de Estudios Europeos (Madrid) e na Universidade de Montreal .

Colaborou en París coas compañías de Jean Louis Barrault e Pierre Chabert, e en Madrid con Tábano, Teatro Libre, Pícaro Teatro e outros.

Impartíu cursos e talleres no Instituto Internacional Sampere, Escuela Internacional Tándem, Conservatorio de Arte Dramático de Montreal, Universidade de Quebec en Montreal (un ano contratado como profesor de Prácticas Teatrais); Centro Nacional de Nuevas Tendencias Escénicas, Sala Triángulo e Escuela de Letras de Madrid.

Entre as máis dunha ducia de pezas escritas, case todas estreadas ou editadas, cabe subliñar «Las aventuras y andanzas del Aurelio y la Constanza», l993, (Premio Iberoamericano de Dramaturgia Infantil 1995), estreada no Centro Cultural de la Villa, en Madrid; «Fantastic calentito», 1985, estreada no Circulo de Bellas Artes de Madrid; «Carlota o la noche mexicana» estreada no Theatre Residence Palace de Bruxelas, 1992; «Vanzetti», estreada na Sala Cuarta Pared de Madrid en 1993, no marco da V Muestra Alternativa del Festival de Otoño de Madrid; «La construcción de la catedral», finalista en 1992 e 1993 do Premio da SGAE, e Premio Tramoya 2000 de Teatro, estreada en Veracruz (México) nese mesmo ano.

«Trenes que van al mar», escrita no 2000, é a súa ultima peza.

Tamén da súa autoría é un ensaio sobre as linguaxes metateatrais na dramaturxia contemporánea e algunhas das súas pezas foron traducidas a varios idiomas, inglés, francés, portugués e búlgaro, entre outros, aos que agora sumase o galego. No ámbito da dirección , levou á escena, entre outras, «La fosa», de Maribel Lázaro, «La silla voladora», de Eduardo Galán, os tres capítulos do «culebrón portátil» «Soy de España», de Luís Lázaro e a estrea da súa obra «Vanzetti».

O teatro de Luís Araújo é obxecto de estudios entre os que se pode salientar: «El juego eterno: Teatro de Luís Araújo», elaborado por John P.Gabriele e editado por Fundamentos, «Invitación al teatro de Luís Araújo», por Jerónimo López Mozo en Teatro Urgente, 1997, Edición de J.García Verdugo, Madrid, «El teatro de fin de milenio en España (desde 1975 hasta hoy) «, por María José Ragué Arias , Editorial Ariel, Barcelona 1996 e outros.

Galería

Teatro do Atlántico