Ecos e voces dun tempo e dun país
Estrea: 30 de Outubro de 2002.
Sala Yago. Santiago de Compostela
Intentemos fuxir por unhas horas dese implacable virus do decibelio e do berregar gutural que invade as nosas vidas por terra e televisión ou se cadra desde o aire a través dos bombardeiros, bombardeos e bombardeadores americanos, israelís ou rusos ou…..
Intentemos fuxir.
Voces e silencios
«Os deuses non lle dan hoxe en día ao home nin o lume do cigarro.
O lume en que se poida quentar ha de saír del, sexa frotando uns leños ou unhas verbas».
(X.Seoane. «O sol de Homero»)
Intentemos inmunizarnos contra da patética banalidade de tantos e tantos espazos televisivos, cardiovasculares ou non, metapopulares ou non, emitidos polas emisoras, privadas ou non.
Permitámonos primeiro un tempo de silencio para deixar despois paso á palabra.
Á palabra dos poetas. Camiño de coñecemento, de gozo, de revelación.
Neste paseo –ese camiñar tranquilo, pracenteiro–, transitaremos paisaxes colectivas e paixóns privadas;
sons de amor, de desamor, de sexo; de paz e mais de guerra; ecos da emigración e mais da infancia; voces da terra, da lingua, do país…….. Ecos que se queredes poderedes abrazar e facer vosos, porque, como deixou dito Luís Pimentel, «a poesía é o gran milagre do mundo».
É a nosa unha terra de grandes poetas. Neste breve paseo que hoxe propoñemos, imos ir acompañados só por uns/unhas poucos/as, entre os/as que estarán Uxío Novoneyra, Manuel Rivas, Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Alvaro Cunqueiro, Luísa Castro, María Xosé Queizán, Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Manuel Antonio, Xosé Luís Méndez Ferrin, María do Carme Kruckenberg e outros, ata un total de vintedous poetas…. E outro día, máis.
O paseo vai ter «banda sonora» orixinal, chegada desde o piano de Xavier Constenla e o agasallo do canto coa voz de Pilocha en directo, quen tamén recitará xunto con María Barcala e Xúlio Lago.
Estrutura e bloques temáticos
Titulares aparecidos recentemente nos xornais van dando paso a breves bloques poéticos estruturados temáticamente.
Con este sinxelo mecanismo imos transitando por temas como a Emigración a Lingua, o País, a guerra, a Paz, o Amor e tamén o desamor, pasando tamén levemente pola poesía en sí mesma.
Vintetrés poetas nos acompañan. En escena un pianista, unha cantante, un actor e unha actriz abordamos envoltos en luz unhas veces e outras desde a penumbra este fermoso e apaixonante viaxe pola poesía galega contemporánea que supón a produción número dezaoito de Teatro do Atlántico, desde a súa fundación no ano 1985.
Ficha Técnica
Cantiga: Alvaro Cunqueiro
- A poesía é o gran milagre do mundo: Luis Pimentel
- O poema: Manuel María
- Fonema: Manuel Rivas
- Deitado frente ao mar: Celso Emilio Ferreiro
- Limiar de viaxe ao país dos ananos: Celso Emilio Ferreiro
- Red Rose: Manuel Rivas
- Escolma de Os Eidos: Uxío Novoneyra
- Harold no campo de batalla: Alvaro Cunqueiro
- Galicia: Salvador Garcia Bodaño
- Terra de proseguir e non dar nada: Xosé L.Méndez Ferrin
- Cultura: Manuel Rivas
- O gato da tasca mariñeira: Bernardino Graña
- Cantiga do neno da tenda: Federico Garcia Lorca
- Marcheime unha serán: Emilio Pita
- Building Castles in spain: Luis Seoane
- Enterro do nerno probe: Luis Pimentel
- Fins do mundo. I-II-III: Salvador Rodriguez
- Poema nuclear: Celso Emilio Ferreiro
- Invitación ó magnicidio: Darío Xoán Cabana
- Un soldado detrás dun fusil: Gloria Sánchez
- Non aquela da casa onde non hai: Xabier Rodriguez Baixeras
- Que non morra xamais en ti a beleza: Xavier Seoane
- A dúas adolescentes molladas polas chuvas de primavera: Miguel Anxo Fernán Vello
- Amante: Maria Xosé Queizán
- Neva no mar: Claudio Rodriguez Fer
- O amor é unha lata de conservas: Luisa Castro
- Mil: Manuel Rivas
- María: Avilés de Taramancos
- Ferida estaba: Maria do Carme Kruckenberg
- Mensaxe: Manuel Rivas
-
INTÉRPRETES:
María Pilar Martínez (Pilocha)
María Barcala
Xúlio Lago -
Cancións interpretadas por PILOCHA
Piano: (Composición e interpretación) Xavier Constenla -
Escolma e guión: Xosé Manuel Pazos/Xúlio Lago
-
Dramatúrxia e Dirección: Xúlio Lago