Pervertimento
Estrea: 22 de Marzo de 2002. Auditorio Municipal de Narón
«Perverter»,
do latin «pervertere»,
perturbar a orde ou o estado das cousas.
Incapaces absolutamente de perturbar ou mudar o estado das cousas, chámense estas cousas Afganistán, ántrax, Sáhara, paro, pateras ou Palestina, abordamos –por unha vez–, unha desesperada fuxida da insoportable realidade e propoñémosvos crear outra: unha realidade escénica plena de lirismo, humor e tenrura, na que os mortos érguense enfurruñados e marchan, mentres os vivos permanecen no escenario falando e falando sen ter cousa ningunha que dicir, ou na que os espectadores presentes na sala desaparecen da vista como por arte de maxia. Mellor ainda: por arte de maxia.
A través de personaxes que homenaxean ós Vladimir e Estragón beckettianos, viaxamos polos mundos ocos das aparencias e da vacuidade nun intento de esconxurar os malos ventos que sopran, impregnalos
de novos arrecendos, e de risos e sorrisos, e mesmo de gargalladas que para nada lembren o patético humor con que somos bombardeados a cotío desde as «nosas» televisións.
Quizais consigamos, por un momento, «pervertir», perturbar o estado das cousas. Amén.
(Tal vez tamén teña algo que ver na escolla de este texto o magnífico dramaturgo que é o tal Sanchis; e a vertixe que provoca asomarse ós seus mundos dramáticos. E que só son precisas tres cadeiras, dúas actrices e dous actores para facer esta fermosa función. Aínda que claro, teñen que ser lixeiras –as cadeiras- e sólidas -as actrices-. E os actores ámbalas dúas cousas).
Ficha Técnica
- Autor: José Sanchis Sinisterra
- Traducción: Xosé Manuel Pazos Varela
- Espazo escénico e deseño de iluminación: Xúlio Lago
- Vestiario: Susa Porto
- Fotografía: Tino Viz
- Axudante de Dirección: María Barcala
- Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
- Intérpretes:
El…………………………………….. Xosé Vilarelle
Ela……………………………………. Iolanda Muíños
Rodolfo……………………………… Xoán C.Mejuto (*)
Ludovina……………………………. María Barcala
O Director (Voz en off)…………..Xúlio Lago - Técnicos de Escena:
Xosé M. Molinos
Antón Arias*(Na última etapa de distribución do espectáculo este personaxe foi interpretado polo actor Santi Prego)
O Autor
José Sanchis Sinisterra, dramaturgo, director de escena, teórico, profesor, tradutor, nace enValencia en l940
Foi director do T.E.U. no ano l957, e ó pouco tempo, fundador da Aula de Teatro da Facultade de Letras
No ano 1971 ingresa como profesor no Institut del Teatre de Barcelona. En 1977 pon en marcha o TEATRO FRONTERIZO e en 1988 o Proxecto SALA BECKETT, estruturas desde as que desenvolve unha apaixonante aventura como dramaturgo e director, estreando ininterrompidamente pezas orixinais e dramaturxias sobre textos non teatrais dos grandes autores: Kafka, Sábato, Joyce, Melville, Cortázar, etcétera.
Entre os numerosos premios recibidos por Sanchis Sinisterra figuran o Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura, o Nacional de Teatro do Institut del Teatre, o Prenio Max ó mellor texto dramático en dúas ocasións, etcétera.
«O cerco de Leningrado», «Ay, Carmela», «Ñaque o de piojos y de actores», «La raya del pelo de William Holden» son algúns dos seus numerosos textos dramáticos.
Sanchis está considerado como un dos mais importantes dramaturgos españois do século XX. Os seus textos son frecuentemente traducidos, editados e representados en toda Europa e hispanoamérica