O cerco de Leningrado

Estrea: 5 de Decembro de 1999. Museo do Traxe. Viana do Castelo (Portugal)

de José Sanchis Sinisterra

«Pero home…. ¿cómo é posible?¿Aínda andas a facer teatro político?», díxome o meu amigo. «Pero se iso xa non lle interesa a ninguén. Mira que es antigo…»

O tal amigo –máis ben coñecido- compañeiro que foi dos meus anos universitarios, militaba agora (1989) nas filas da posmodernidade e facía fachenda desa retranca babeca coa que algúns pretenden arremedar o cinismo.

Teño que confesalo: conseguiu que me sentise un pouco anacrónico. Supervivente dunha época remota na que «teatro político» significaba teatro de esquerdas, e o feito de practicalo –como autor, como director, como actor…- implicaba a pretensión de marchar no sentido da Historia, de contribuír á transformación da sociedade e, en consecuencia, de prepara-la chegada da revolución. Por esta orde.

Mais a miña incipiente obra -encetada en marzo de 1989- non aspiraba a tanta cousa, que va. A partir dunha anécdota que me contou -e regalou- o dramaturgo arxentino Roberto Cossa, imaxinara eu unha pequena historia que pensaba desenvolver cun mínimo de medios dramáticos e escénicos: dúas únicas personaxes (femininas), un escenario baleiro, uns poucos trastes de vella utilería e unha trama lene, marxinal e imposible, sen pretensións de realismo. Unha historia de lealdades absurdas e idealismos trasnoitados que, por iso mesmo, suscitase a risa e a morriña cara a uns valores xa daquela ameazados de descrédito.

De novo a miña teima por pechar nos estreitos lindes do «teatro no teatro» –agora, un vello teatro en desuso, reduto a un tempo espectral e xerminal—os ecos deformados e diminuídos da Historia con maiúscula. E a miña propensión a empregar o humor como antídoto contra a solemnidade e a transcendencia, parasitos inevitables dos «grandes temas».

Porque –non o ou negar- trala pequena anécdota latexaba, aínda feble e confusamente, un tema de enormes proporcións coma o indicio dunha treboada que ´comezaba a se formar no Leste.

Catro anos longos durou a elaboración de O cerco de Leningrado. Catro longos anos nos que o mundo asistiu, apampado, ao derrubamento dun sistema cualificado, por propios e alleos, de comunista. E a moitos lles parecera que, con el, naufragaba tamén a utopía revolucionaria da que xurdiu, os ideais liberadores e igualitarios que, ao longo dun século, nutriron a esperanza e as loitas dos desherdados da terra.

Mesmo quixeran proclamar abolido o océano de miseria, opresión e rapiña que fixo posible e necesaria a súa revolta.

Nestes catro anos, as personaxes da miña historia –Natalia e máis Priscila—»dúas mulleres de certa idade»- foron debullando o seu rosario de palabras e xestos desatinados, inventando motivos e pretextos máis ou menos asisados para xustifica-la súa persistencia, a súa resistencia. Pasiño a paso, teimudamente obstinadas, foron trenzando o seu camiñar sen meta, a súa longa marcha inmóbil, polo vello escenario do Teatro do Fantasma, invulnerables ao derrubamento material e moral que fora acontecía.

Preciso é confesar que o seu autor –este que vos fala- cecais atafegado e perplexo pola nova desorde mundial, deixounas abandonadas durante longos períodos. Meses enteiros quedaron suspendidas á beira dunha frase, na metade dun paso. Outros textos, outras personaxes ocuparon no entanto a miña atención e o meu tempo. Mais elas seguían aí, testanas, porfiadas, a agardaren no silencio da páxina…., ou cecais rosmando, xordamente impacientes.

Pois que tiñan –teñen- unha misión que cumprir. Misión que, certo é, non lles encomendara ninguén. Mais cecais por iso deben alimentala día a día, ano tras ano. ¿Quen, se non ese par de rivais entrañables, ía preservar en pedra e espírito o teatro que albergou os soños revolucionarios de Néstor Coposo, marido e máis amante, «cumpridor coma o que máis, e por partida dobre? ¿Onde albergar a sombvra da chama dunha arte que arelou cambia-lo mundo, senón neste Teatro do Fantasma, agora ameazado polas ratas, a couza, as pingueiras? ¿E cómo, en fin, sen a súa teimosa procura, desvela-lo misterio que rodeou a morte de Néstor, pouco antes da estre de O cerco de Leningrado?

Quizais ño meu amigo –coñecido, máis ben- tivese razón e o teatro político xa non lle interese a ninguén. Pero se cadra lles interesa a algúns quentárense ás brasas dunha utopía inesgotable, agora que todo parece anegarse «nas xeadas augas do cálculo egoísta…»

José Sanchis Sinisterra

Ficha Técnica

  • Autor José Sanchis Sinisterra
  • Traducción Xosé Manuel Pazos Varela
  • Espacio escénico, Vestiario e Atrezzo Carlos Alonso
  • Música Nani García
  • Fotografía Tino Viz
  • Deseño programa e Cartel Carlos Alonso
  • Axudantes de Dirección Maga Martínez / Mabel Rivera
  • Dramaturxia, Iluminación e Dirección Xúlio Lago
  • Intérpretes
    Natalia………………………………….María Barcala
    Priscila……………………………………Susana Dans
  • Técnicos de Escena:
    Antón Arias
    Xosé M.Molinos

O Autor

José Sanchis Sinisterra, dramaturgo, director deescena, teórico, profesor, tradutor, nace en Valencia o 28 de Xuño de l940, fillo dun profesor de Química republicano, circunstancias ambas que, recoñece, tiveron clara influencia na súa maneira de abordar a escrita teatral.

Comeza a súa actividade escénica nos seus anos de estudante na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Valencia, como director do T.E.U. no ano l957, e ó pouco tempo, como fundador e co-director da Aula de Teatro da mesma Facultade.

No ano 1971 ingresa como profesor no Institut del Teatre de Barcelona dando clases de Dirección e Interpretación; en 1977 pon en marcha o TEATRO FRONTERIZO e en 1988 o Proxecto SALA BECKETT, estruturas desde as que desenvolve unha apaixonante aventura como dramaturgo e director, estreando ininterrompidamente pezas orixinais e dramaturxias sobre textos non teatrais dos grandes autores: Kafka, Sábato, Joyce, Melville, Cortázar, etcétera.

Entre os numerosos premios recibidos por Sanchis Sinisterra figuran o Camp de l’Arpa de Poesía, o Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura, o Nacional de Teatro do Institut del Teatre, o Premio Lorca, o Prenio Max ó mellor texto dramático en dúas ocasións, etcétera.

Ten máis de cincuenta pezas escritas, entre obras orixinais e dramaturxías, entre as que, xunto con «O cerco de Leningrado», cabería destacar «Ay, Carmela», «Ñaque o de piojos y de actores», «La raya del pelo de William Holden» , «Pervertimento», «Los figurantes», «Lope de Aguirre, traidor», «Marsal, Marsal», ou «El lector por horas».

Sanchis está considerado como un dos máis importantes dramaturgos españois do século XX. Os seus textos son frecuentemente traducidos, editados e representados en toda Europa e hispanoamérica.

Crítica

Galería

Teatro do Atlántico