Vellos tempos
Estrea: 18 de Novembro de 1998. Teatro Principal. Pontevedra
de Harold Pinter
En «Vellos tempos» o vacío do presente atormenta ás personaxes e a única maneira que atopan de intentar agachalo é embarcarse nun sistemático e obsesivo regreso ó pasado. É algo que non poden evitar.
O pasado sitúase no tempo da súa xuventude, cando moceaban, cando tiñan claros os referentes sociais e políticos. Cando tiñan unha ansia insaciable de vivir e de conquistar. O mundo ou o que fora.
Aló, no pasado, está a vida, por iso precisan retornar.
Toda a obra de Pinter é un constante indagar no enigma da condición humana, nos mecanismos que determinan os comportamentos dos individuos e no constante conflito do individuo consigo mesmo.
Ficha Técnica
- Autor: Harold Pinter
- Tradución: Manuel F.Vieites García
- Vestiario: Belén Naverán
- Espazo escénico: Baltasar Patiño
- Deseño de Iluminación: Xúlio Lago
- Fotografía/deseño cartel/grafismo: Tino Viz/Margen
- Axudante de Dirección: María Armesto
- Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
- Intérpretes:
Casilda García / Susana Dans
Gonzalo M. Uriarte
María Barcala - Técnicos de Escena:
Luces: Antón Arias
Son: Xosé M. Molinos
O Autor
Harold Pinter, dramaturgo, actor, guionista de cine, radio e televisión, poeta e director de escena, nace en Londres no ano 1930.
En 1948 acude, por pouco tempo, á Royal Acadenmic of Dramatic Ar; nese mesmo ano é chamado a cumprir o servizo militar e declárase obxector de conciencia.
Dous anos despois publica os seus primeiros poemas e comeza a súa carreira como actor profesional en teatro, radio e televisión.
Ata ños 27 anos non escrebe a súa primeira peza teatral: «The Room», que xunto a «O montapratos» e «A festa de aniversario» , estreadas no ano seguinte -1958- recibirán o rexeitamento unánime da critica. Pinter dera comezo dese xeito a unha ininterrompida carreira ata converterse nun dos máis brillantes e prolíficos dramaturgos ingleses do século XX.
Aquelas pezas rexeitadas pola crítica na súa estrea pasaron inmediatamente a formaar parte do repertorio das máis prestixiosas compañías londinenses, como a Royal Shakespeare Company, a maneira de exemplo, asumindo el mesmo a dirección nalgúns casos, e, entre outros moitos, Peter Hall, director que poderiamos considerar «especialista» no teatro pinteriano.
O Terceiro Programa da BBC estrea numerosas obras do autor, quen ó tempo é representado en toda Europa e conquista un lugar privilexiado como guionista cinematográfico. Referencias importantes nesta faceta creativa son os guións elaborados para Joseph Losey en 1964, 1966 e 1971: «The sewrvent», «Accident» e «The Go-Between».
Nos anos cincuenta un importante grupo de dramaturgos ingleses entre os que figuran Pinter, Osborne, Delaney, Wesker, Arden, Simpson ou Jellicoe, escritores xóvenes, case todos de orixe humilde e moi influídos polo teatro de Bertolt Brecht, comezan a ser coñecidos como a xeración dos «xóvenes airados». Abordan un teatro fortemente social nos seus contidos e rachan os convencionalismos formais do teatro burgués dominante na escena inglesa naqueles momentos.
No ano 1970 escrebe «Old Times»
Estrease pola Royal Shakespeare Company no escenario do Aldwych Theatre en 1971, baixo a dirección de Peter Hall.
O grande éxito londinense repetirase en toda Europa e tamén en Nova Iorque, onde o seu teatro non deixou de ser presenza habitual nas carteleiras.
Harold Pinter foi distinguido co Nobel de Literatura no ano 2005. Faleceu na noiteboa de 2008.