A noite das Tríbades

Estrea: 08 Novembro de 1996. Teatro Rosalía Castro. A Coruña.

de Per Olov Enquist

O matrimonio composto polo dramaturgo August Strindberg e a actriz e aristócrata Siri von Essen tramita o seu proceso de divorcio.

Os ciumes patolóxicos do escritor e as difíciles circunstancias sufridas en doce anos de vida en común foron estragando a relación, ata o punto que Strindberg decide repudiar a súa muller.

Aínda nesa grave situación, a parella mantén relacións artísticas e «de negocios». Strindberg, na ruína económica, quere abrir o Teatro Dagmar, en Copenhague e nomea a Siri responsable da dirección do mesmo. Un día, o dramaturgo asiste a un ensaio da súa peza «A máis forte» e atópase con que o papel de antagonista está interpretado por María Carolina David, escritora danesa, lesbiana, amante actual da súa ex-muller.

Todos están nun momento de transición nas súas vidas, prisioneiros dos papeis que a sociedade lles adxudicou: Siri, a ex-esposa, que ao casar tivera que deixar a súa profesión, séntese, ao cabo dos anos, absolutamente inútil. Strindberg, o ex-esposo, ata agora o patriarca, a autoridade, o «centro» da familia, diante da ruptura do matrimonio séntese perdido e sen horizonte. Carolina, rexeitada socialmente, protexe a súa humanidade e sensibilidade nunha aparente dureza e nunha evidente alcoholemia.

Ficha Técnica

  • Autor Per Ólov Enquist
  • TraducciónInés Ruibal
  • Espazo escénico e figurinosAntonio Francisco Simón
  • MúsicaNani García
  • Deseño de Iluminación Xúlio Lago
  • Fotografía/deseño cartel/grafismo Tino Viz/Margen Fotografía
  • Unidade didácticaAlexandrina Fdez.Otero/José E.Mateo Rodríguez
  • Axudante de Dirección María Armesto
  • Dramaturxia e DirecciónXúlio Lago
  • Intérpretes
    Siri von Essen…………………….Casilda García
    August Strindberg………………Gonzalo M. Uriarte
    Viggu Schiwe…………………….César Cambeiro
    Marie Carolina David…………..Sónia RúaGarcía
  • Técnicos de Escena:
    Antón Arias
    Xosé M. Molinos

O Autor

AUGUST STRINDBERG

Este escritor, que había ser figura principal na evolución das letras suecas e do teatro moderno, nace en Estocolmo, no mes de Xaneiro de 1849. Aos 18 anos fracasa no seu intento de ingresar na escola de actores do Teatro Real Dramático. Dous anos despois, a mesma institución estrea a súa peza «A Roma». Aos trinta anos, xa casado con Siri von Essen, tras divorciarse ela do seu primeiro marido, barón e oficial do exército, publica «O salón vermello», novela que o converte no escritor máis importante do movemento renovador sueco. Mais a súa situación económica non deixa de ser grave e o matrimonio con Siri un rotundo fracaso.

A publicación do libro satírico «O novo reino» produce tan forte polémica e tal reacción nas forzas políticas e literarias que Strindberg decide abandonar Suecia, comezando un exilio voluntario que había durar seis anos. Era 1882. Esa etapa de notable penuria con estancias en Francia, Suiza, Alemaña e Italia é o preludio de «A noite das tríbades». A peregrinaxe deses anos impide a Siri realiza-lo seu obxectivo de traballar como actriz. Chegaba xa o tempo das mellores producións do Strindberg-dramaturgo. Fora xa escritas as súas pezas naturalistas: «O pai» (1887), «Acreedores» e «A señorita Xúlia» (1888); estaban por chegar os seus dramas simbolistas e expresionistas, as tres partes de «Camiño de Damasco» (1894-1904), «O soño» (1902), o retorno ao naturalismo coa magnífica «Danza macabra» (1901) e as súas «pezas de cámara»; «A tempestade», «O pelícano» e a maxistral «Sonata de espectros», todas estreadas no «Intima Teatern», fundado por Strindberg en Estocolmo en 1907, retomando a frustrada iniciativa do Teatro Dagmar.

Galería

Teatro do Atlántico