Xoana

1985

de Manuel Lourenzo

XOANA é unha historia de amor e de esquizofrenia que toma como punto de partida a relación matrimonial da raíña «Juana la loca» e do rei «Felipe el Hermoso»; a tola e o fermoso convértense por si mesmos en apelativos tremendamente suxerentes.

Xoana Real

Hai seres no mundo que teñen unha existencia dobre: a real histórica e a real imaxinária. Xoana de Castilla é un destes seres. Como muller, como raíña, ten unha biografía máis ou menos rica en aconteceres, xestos, vaguedades e determinacións. Como figura literaria, Xoana é unha auténtica heroína, consagrada primeiro pola tradición oral e logo polo libro, polo grabado, polo cine. Tamén polo teatro, como parte desa lenda romántica que escolle Marías Estuardo, Don Carlos ou Pedros Madruga, e sen embargo esquece tantos insignes compoñedores e descompoñedores de impérios, de mundos e de destinos colectivos. Algunha razón haberá para tanto desorden. Uns pasan, e outros nunca dan pasado. Como os actores no escenario. Uns dan, entregan, comunican e son amados, e outros temen-lle ao proscenio ou o proscenio non quer saber nada con eles. Para min a diferéncia e esa. Entre Xoana e Fernando de Aragón.seu pai –é só un exemplo–, hai a distancia que vai dunha muller a un simples rei. Xoana é muller e raíña, entanto que Fernando foi, é e será sempre, simplesmente, o Rei Católico.( …….)

A min interesa-me, por suposto, a Xoana real, quer dicer, a imaxinária. A que viaxa polos campos de Palencia, sempre á noite, co cadáver do marido; a celosa de todas as mulleres; a esquizofrénica capaz de parir fillos e amar a uns e non recoñecer a outros; a castellana vestida de flamenca, muller culta, que sabe latín e que asalta o leito do seu home e ameaza con grandes tesouras ás donas impertinentes; a raíña que se nega a reinar; a prisioneira que se deixa comer pola bicharía parasitária da prisión; a relixiosa e a sacrílega, a castellana e a flamenca, a namorada e a indiferente, a muller e a raíña, a culta e a brutal, o si e o non, a vida e a morte, ambas e dúas e todas distintas cousas nun só tomo. Nun tomo que agora quer ser teatro. E que o será, se o é, máis que por min, polo «ruído e a fúria» que delatan, alí onde se encontre, un soberbio exemplar da espécie humana, da raza muller, para máis señas.

MANUEL LOURENZO, no programa do espectáculo.

Ficha Técnica

  • Autor: Manuel Lorenzo
  • Escenografía, Vestiario: Paco Conesa
  • Maqueta e realización de atrezzo: Suso Bermejo
  • Música orixinal: Emilio Cao
  • Dramaturxia, Iluminación e Dirección: Xúlio Lago
  • Intérpretes:
    Xoana……………………… Luísa Merelas
    Felipe………………………. Carlos Alonso
    Principe Carlos………….. Matilde Blanco
    Raíña………………………. Pilar Pagant
  • Técnicos de escena:
    Ramón Espada
    Valentín García

O Autor

Manuel Lourenzo nace en Ferreira de Valadouro o 15 de Abril de 1943. Dramaturgo, poeta, actor, director teatral, tradutor e pedagogo, é unha figura relevante do Teatro galego contemporáneo.

Da intensidade da súa constante actividade creativa dan conta as perto de 150 obras que leva escritas. O seu teatro aborda diferentes temáticas e estéticas, con intermitente aproximacións aos temas da traxedia grega. Entre outras moitas, podemos citar como obras súas destacadas as seguintes: «Tres irmáns parvas», «Erros e ferros de Pedro Madruga», «Romería as covas do demo», «Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca», «Agamenón en Áulide», «A sensación de Camelot», «Fedra», «Medea dos fuxidos», «Ultimas faíscas de Setembro», etcétera.

O seu labor ten sido merecente de innumerábeis premios, entre os que podemos citar:

  • Premio de Teastro Rafael Dieste nos anos 1996 e 1999, por «Magnetismo» e «Ultimas faíscas de Setembro», respectivamente.
  • Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, por «Veladas indecentes»
  • Pedrón de Ouro no ano 2001
  • Premio Nacional das Artes Escénicas en 2008
  • Premio Alvaro Cunqueiro 2009 por Dunsinane
  • Premio Abrente 2010 por «Aquelas cousas do verán»

Galería

Teatro do Atlántico